O Pantín Classic divisa a súa recta final

Foto: WSL/Poullenot

  • Os cuartos de final do cadro feminino quedaron decididos na xornada de onte

  • A vixente campioa, a hawaiana Coco Ho, presentou a súa candidatura ao título

Non aparecía nas primeiras listas de participantes. Un erro no proceso de inscrición provocou que non se soubese até pouco antes de que comezase a competición que a hawaiana Coco Ho, a vixente campioa do Pull&Bear Pantín Classic Galicia Pro, ía defender o seu título. Pero, desde que volveu tocar a auga do Atlántico, unha das surfeiras con máis carisma de todo o Championship Tour demostrou que no tempo que transcorreu entre a última edición e a deste ano non perdera a súa sintonía con Galicia. E, aos poucos, ha ir edificando a súa candidatura a volver subirse ao primeiro banzo do podio este fin de semana. Sage Erickson, Silvana Lima ou Nikki Van Dijk tamén figuran entre ese oito sobreviventes que pelexarán polo trono da Factoría.

Baixo un ceo despexado e un mar de fondo de entre un metro e medio e dous metros (algo menos do que en principio se esperaba na previsión meteorolóxica), as deportistas estrearon a cuarta xornada do campionato principal do Pull&Bear Pantín Classic Galicia Pro, o que se engloba dentro do circuíto clasificatorio QS da World Surf League. Un lixeiro vento cruzado do norte non acababa de limpar a parede das ondas, o que facía que cada manobra fose un auténtico desafío, mesmo para algunhas das mellores surfeiras do planeta. Nesas primeiras horas da mañá completouse o que faltaba da quinta rolda. Sen ningunha sorpresa destacable e coa australiana Bronte Macaulay marcando o paso (asinou unha puntuación total de 12,73 puntos e unha mellor onda de 7,50).

Á conclusión desta quinta rolda, a dirección de competición decidiu que a acción regresase ao cadro masculino, onde se completou a terceira rolda e catro mangas da cuarta. Na terceira entrou o surfeiro ferrolán Miguel Pérez-Moneo que se mantivo con opcións de pasar até practicamente o final da manga, pero quedou apeado. O arxentino Santiago Muñiz, que sempre asinara grandes actuacións en Pantín, foi a eliminación máis notable desta terceira rolda. Na primeira manga da cuarta, o hispano-brasileiro Vicente Romeu, que leva varias tempadas residindo en Ferrol, tampouco puido superar ao australiano Ty Watson e ao italiano Leonardo Fioravanti para poder coarse nos días decisivos do campionato.

Coa marea alta, o xefe de xuíces, a dirección de competición e os deportistas decidiron que pechase o día a sexta rolda o cadro feminino, que xa se disputou en formato man to man. E alí sobresaíron Sage Erickson, Silvana Lima, Nikki Van Dijk, Bronte Macaulay e a novísima portuguesa Teresa Bonvalot, quen parece preparada para desafiar a algunha das estrelas consagradas do tour mundial.

Os competidores están citados mañá ás 9.00 horas.

Consulta todos os resultados en:

Cadro femenino

Cadro masculino

Recent Posts
Contact us

Send us an email, you will receive an answer soon. Thank you

Not readable? Change text. captcha txt

Start typing and press Enter to search